Saturday 18 de May de 2024

A Xunta investirá 571.900 euros para mellorar os parques empresariais de 7 concellos da Comarca de Ferrol


A maior parte das obras terán como obxectivo a mellora viaria dos parques empresariais e a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia
A Xunta investirá 571.900 euros para mellorar os parques empresariais da comarca da Ferrol en 7 concellos da área (Cabanas, Fene, Narón, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e As Somozas). A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investiranse 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos, dos que 6 son emprendedores.

Entre os investimentos máis importantes destacan a mellora das infraestruturas viarias comúns no Polígono de Vilar de Colo, a rede antiincendios no Polígono Industrial dos Airríos, a reposición da capa de rodadura nos viais do polígono industrial de Río do Pozo e apertura dun novo vial no parque empresarial das Somozas.

Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvolveranse en 62 concellos galegos –dos que 20 son Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cun investimento de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns. Concretamente na comarca de Ferrol, Narón é un Concello Emprendedor.

Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Con estas novas axudas, nas que este ano os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

FERROL
 

CONCELLO

TÍTULO AXUDA CONCEDIDA
CABANAS- FENE MELLORA DE INFRAESTRUTURAS VIARIAS COMÚNS NO POLÍGONO INDUSTRIAL VILAR DO COLO 112.815,31 €
CABANAS MELLORA DE XESTION DE RESIDUOS NO POLÍGONO INDUSTRIAL VILAR DO COLO 38.659,61 €
NARON REPOSICION DA CAPA DE RODADURA NOS VIAIS DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIO DO POZO 93.827,87 €
ORTIGUEIRA ACONDICIONAMENTO DE PARCELA INDUSTRIAL PARA A XESTIÓN DE RESIDUOS DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS 38.736,86 €
PONTEDEUME MELLORA DA CAPA DE RODADURA NA VÍA MUNICIPAL NO POLÍGONO INDUSTRIAL DE VIDRIEIRO 50.615,29 €
AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ REDE ANTIINCENDIOS NO POLÍGONO INDUSTRIAL DOS AIRÍOS 120.000,00 €
AS SOMOZAS APERTURA DE NOVO VIAL NO PARQUE EMPRESARIAL DAS SOMOZAS 117.265,69 €
TOTAL    571.920,63 €